Monday 20 de May de 2024

Feijóo avanza a aprobación no consello de mañá da Estratexia de inclusión social 2014-2020


Esta estratexía ten un orzamento superior aos 520 millóns, máis do dobre do que tiña o plan anterior

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, hoxe, no Parlamento autonómico a aprobación no Consello de mañá da Estratexia de inclusión social 2014-2020 cun orzamento superior aos 520 millóns, máis do dobre do que tiña o plan anterior. “Esta estratexia ten un orzamento mínimo de 521 millóns, máis do dobre do que tiña no período anterior. De 230 millóns imos pasar a 521 millóns de euros, porque esta estratexia –aseverou- é a estratexia dos que máis o necesitan, a estratexia dos máis débiles”.

Nesta mesma liña, e en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, Feijóo destacou tamén o incremento en 2015 das partidas para inclusión social, un 17%, e para a Risga un 20%, ao igual que para as ordes de entidades sociais. E avanzou que a Xunta investirá o vindeiro ano 10 millóns de euros para que as persoas que cobran a renda de integración social poidan atopar un traballo. “Este ano, por primeira vez, lle demos a posibilidade á xente que cobra a Risga de atopar un traballo e fixérono 623 persoas; e o ano próximo investiremos o dobre con este obxectivo”, explicou.

O presidente da Xunta afirmou que o Goberno galego seguirá, ao igual que na anterior lexislatura, traballando, comprometido con Galicia e cos seus sectores, entre os que destacou o da automoción, “que agora terá contratos para os vindeiros dez anos”, e o naval, “que conta con 1.300 millóns de euros en contratos”. Así mesmo, afirmou que con esa mesma determinación a Xunta seguirá a traballar polos problemas que ten Alcoa.

Se ben, recoñeceu que aínda queda moito por facer, Feijóo insistiu en que o Executivo galego seguirá a traballar para cumprir os seus compromisos. “O noso compromiso é conseguir carga de traballo aos estaleiros, e estamos cumprindo; era garantir a viabilidade dos servizos públicos, e estamos cumprindo; era que os autónomos galegos tiveran unha lei, e a teñen. O noso compromiso era que se incrementasen as exportacións, e o están a facer; era que os empregados públicos volvesen outra vez a recuperar a súa capacidade adquisitiva e imos destinar 350 millóns de euros aos salarios dos empregados públicos. O noso compromiso era que se pagasen menos impostos, e páganse menos impostos, e era pasar do paro ao emprego e creamos nos últimos dous anos 30.000 postos de traballo”, aseverou.